Unha de tantas outras veces

Unha de tantas outras veces

CV ben, revisado e modificado. Este é o quinto currículo que fago e aínda así hai algo que non me cuadra… Cantas copias levo?, coido que con dúas ou tres é máis que de abondo.

Vestimenta? Formal, algo seria, pero seguindo o meu estilo, sen chamar demasiado a atención.

Apuntes sobre a empresa e requisitos para o posto? Listo.

Enderezo e horarios para chegar puntual?  Comprobado.

Cabelo, ben… en proceso… … mmm… máis formal… Por que creo que o meu cabelo non é formal? Por que creo que van fixarse nese tipo de detalles? Merrrrda!! Non queda como debería… Este meu pelo faime tolear!… Así paso vinte minutos, tentado domesticar o meu cabelo para que non se axite demasiado.

A ver, repaso mental: currículo impreso e completo con foto; obxectivos claros, 5 puntos a favor e 5 puntos en contra (ninguén di a verdade nestas cousas); explicar por que creo que son a persoa axeitada para o posto, sorriso profident e, por último, mentalizarme sobre o que pode ou vai acontecer… bufff!

Calquera diría que me estou preparando para o traballo da miña vida, pero non é máis que outra entrevista de emprego á que me teño que presentar para acadar un soldo digno co que sobrevivir.

Presentarme a unha entrevista de traballo non debería supoñer tanto desgaste a nivel físico e mental… Pero a situación cambia cando intercambio a ollada no espello e quen a devolve é unha muller negra, a medias sorrinte, pensando en que diantres fago tanto tempo ollándome no espello cando xa chego tarde a pillar o bus urbano. En fin, decido seguir adiante e tentar prepararme para o intercambio de frases e comentarios que adoitan dicirse nunha entrevista de traballo.

Tal e como unha das miñas persoas favoritas di, o traballo trátase dunha desas ocupacións significativas[1] que proporciona benestar e dá sentido á nosa existencia. No noso día a día temos moitas ocupacións que nos completan e constrúen como seres humanos: ler, facer deporte, ver a televisión, escoitar ou compoñer música, limpar, ir ao cine, tomarse unhas cervexas, coidar e pasear a nosa mascota, ter conversacións transcendentais con persoas simbólicas, pintar, saír, comer… Tamén está o traballo remunerado, ocupación que (a maioría das veces) permite o desfrute das demais. 

Hai persoas que teñen a sorte de traballar en aquilo que aman e permite que se desenvolvan en diferentes eidos; hai quen está loitando para chegar a iso; e logo están os milleiros de persoas que se dedican a un emprego co que non están moi conformes pero o levan o mellor que poden.

Todo isto pasa pola miña cabeza mentres me dirixo cara a parada do autobús e vexo a persoas diferentes que se dirixen a algunha ocupación importante na súa vida, e penso en aquilo que realmente me motiva e dá sentido á miña. Son moitas as cuestións que me preocupan sobre o transcurso da entrevista: cales son os requisitos do emprego, o ambiente de traballo, o soldo e os horarios da xornada, cales son as miñas expectativas desta experiencia e demais lerias.

E  non sei por que, de súpeto, vén á miña cabeza una frase da miña sabia nai:

«Todas sodes iguais, pero haberá quen te trate diferente. Non por iso debes bloquearte nin ofenderte. Es unha española máis, naciches aquí».

Esta é unha das frases que miña nai me dicía de cativa cando chegaba á casa da escola, espeluxada e con feridas despois dunha liorta, porque me amolaban con algunha cousa do estilo: chupachús de coca cola, conguito, morenita ou color caca, entre outras. Ante esta imaxe, ela intentaba facerme entender que esa non era a forma de arranxar as cousas cando alguén me amolaba, e que non debería pelexarme ante este tipo de ofendas: «Nin se che ocorra pelexarte! Aínda que… iso si: se te buscan, dá tamén». Así falaba miña nai.

Río agora ao lembrarme dela, xa que era unha das poucas formas que tiña de inculcarnos, á miña irmá e a min, a fortaleza para intentar esquivar ou xestionar o racismo existente, e que aquilo non fose un impedimento que truncara as nosas esperanzas no contexto no que estabamos medrando. É certo que a miña nai non naceu nin se educou no seo dun país maioritariamente branco, pero veu aquí sendo moi nova e entendo que, ao seu xeito, tamén tivo que enfrontar situacións racistas pola súa mera inserción e participación na España dos anos 80, e tentaba facernos saber que esa non era unha boa maneira de lidar co racismo vivindo neste país.

Hoxe, como adoita ocorrer moitas veces, atópome co estómago revolto, sei que non é o traballo da miña vida, pero a miña experiencia como muller negra neste mercado laboral e máis os estereotipos e prexuízos deste país, debuxan unhas traxectorias ríxidas e atemporais acordes á melanina que posúes e ao teu aspecto físico, cousa moi daniña para quen a sofre e para o imaxinario social no que nos movemos.

As malas experiencias no ámbito laboral motiváronme a considerar eliminar a fotografía do meu currículo persoal para comprobar se as cousas serían diferentes facéndoas deste modo, ou si recibiría máis contactos ao agochar unha das miñas etiquetas máis visíbeis: a cor da miña pele.

Fai uns días fixeime nunha nova que lin e coa que me sentín demasiado identificada [2]. O artigo en cuestión conta a experiencia dunha rapaza portuguesa e unha entrevista de traballo á que enviara un currículo cego. Conta como na entrevista ao veren a súa cor de pele decidiron que o posto non se axustaba ao perfil. Comenteina con dous grupos de amigas, un de persoas racializadas afrodescendentes e outro de persoas brancas. Puiden constatar as grandes diferenzas que nos separan como mulleres. O grupo de persoas racializadas xa pasara por ese dilema facía anos (moitos antes ca min), e no outro grupo, sentín que era un tema que lles tocaba moi de lonxe: sorprendéronse por dito acontecemento pero concibírono como algo “excepcional”.

Me parece tan inxusto que non todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades. Refírome con isto a todas aquelas que estamos limitadas a incorporarnos ou avanzar na esfera laboral (en igualdade de condicións) pola tonalidade da nosa pele. Por que e como se lexitiman estas categorías nas estruturas da sociedade, se como din, «as razas non existen»?

AS RAZAS NON EXISTEN, PERO OS PRIVILEXIOS VENCELLADOS Á COR DA PELE E Á NACIONALIDADE SI.

Estou un pouco farta de todas aquelas persoas que no paran de xustificarme que, pese a posuír os requisitos que se solicitaban para un posto, non fun seleccionada porque realmente estaban buscando a unha persoa coa mesma filosofía e intereses da empresa, as mesmas normas culturais ou unha mesma fisionomía (que neste país son totalmente heteroxéneas, pero só interesa remarcar as que portan certas persoas).

Chegou o momento en cuestión… Aí estou eu. Fronte ao portal. Inspirando profundamente… e non paran de suarme as mans.

Durante unha fracción de segundo dubido en subir ou non. Xa creo coñecer como vai ir a cousa. Sen pensalo, timbro e abren a porta. A cita é no primeiro andar, máis vou en ascensor para facer un último repaso mental e reunir forzas.

Chamo á porta e abre unha rapaza cun sorriso agradable, mentres me deixa pasar. Chego a unha sala moi iluminada na que son examinada por oito pares de ollos que veñen facer o mesmo ca min (todas elas brancas, agás eu, se iso serve de algo). Despois dun anaco, sae unha rapaza e di o meu nome en alto. Inspiro, expiro, expiro… bufff.

E aí está a secretaria cunha cara… Daría 5 euros polos seus pensamentos neste intre.

E aí está o entrevistador, revisando o meu currículo mentres achica os ollos… faltáranlle as gafas ou hai algo que non lle cuadra.

— De onde es?

— De aquí. Senón recordo mal, pono na parte de enriba do documento que ten.

— Ah, xa, xa vexo. E onde naciches?

Aquí, en Galicia.

— Moi ben… ben… Tes nacionalidade española?

— SI.

 

— Ben,… E a túa orixe… “realmente” de onde é?

Neste intre tomo uns segundos para contestar, pois sei o que agarda escoitar o entrevistador. Non creo que isto sexa relevante para o caso en cuestión, pero respondo o que quere escoitar.

— A miña orixe (ao igual que a dos meus pais) é estranxeira…

Xuraría que mesmo me pareceu escoitar un pequeno suspiro de alivio por parte do entrevistador. Claro, estaría a pensar: “Ah, vale. Non é realmente española ..”

A conversa diríxese agora cara as experiencias que posúo e os idiomas que domino. Aí vamos…

— Que linguas falas? Entendes e falas ben o galego e o castelán?

—Si, totalmente.

— Vale. Este é un posto de atención de cara ao público e gustaríanos atopar a alguén que domine o idioma e poida comunicarse ben cos clientes… Como tal tes que dar unha imaxe (Imaxe de que?, penso eu) e saber xestionar as incidencias que ocorran e aportar solucións a medida. Buscamos persoas formadas que teñan un perfil serio na empresa cara ao público, non sei se entendes ao que me refiro…

— Non, non entendo ao que te refires. Podes ser un pouco máis específico?

Nese punto dá comezo un discurso superficial  sobre os valores da empresa e as persoas que a compoñen e traballan nela. Deixo que fale mentres imaxino que o que quere dicir é que non dou o perfil esperado.

Terminamos o encontro cun apertón de mans e a promesa de contactarme se cren que son a persoa axeitada para o posto.

Saio da entrevista como tantas outras veces, decepcionada polo meu interlocutor e a maneira de dirixir a entrevista; triste, porque se me presupoñen certas actitudes e comportamentos; e asemade cabreada, pola falta de valentía para dicirme directamente á cara que non son a persoa idónea porque son NEGRA e no cren que dea certo perfil.

Marcho pensando en todas aquelas persoas que, coma min, están a asistir a diferentes entrevistas, en diferentes lugares, e están a ser rexeitadas por unha herdanza que é firmemente estigmatizada na sociedade española.

Non queren que fales de razas nin de racismo, «non existe», din. E fante crer que vives nunha sorte de utopía intercultural onde ditos conflitos son meras paxaras mentais túas ou argumentos vitimistas para xustificares a túa falta de esforzo.

Non existe a discriminación, non se vulneran os dereitos humanos de ninguén e todas somos iguais, bla bla bla…

Nada más lonxe da realidade, basta con saír á rúa, ir á compra, ás aulas ou a unha entrevista de traballo para que todas aquelas cousas que se negan caian polo seu propio peso. As negras, onde estamos?

Señoras e señores, digan comigo o que todas as persoas racializadas xa sabemos:

 

ESPAÑA SÍ  QUE É RACISTA.

  SON RACISTAS AS SÚAS NORMAS, CÓDIGOS SOCIAIS E LEIS

QUE SEMPRE NOS PENALIZAN ÁS MESMAS PERSOAS.

 

A seguinte vez irá mellor. Iso dígome unha vez máis.

 

Sonia Mendes da Silva

Galego-caboverdiana nada en Burela (Lugo), hai 30 anos. Socióloga e Mestrado en Migracións Internacionais e Mediación Intercultural na UDC (A Coruña). Membro de Afrogalegas e interesada dende moi nova en todas aquelas cuestións vinculadas a temáticas raciais e migratorias. O seu traballo de fin de carreira e mestrado centráronse na comunidade caboverdiana afincada en Burela e os procesos de mobilidade social en todos estes anos de residencia na comarca galega.

 

 

 

 

 

 


[1] https://www.facebook.com/ocupacions.significativas/

[2] https://www.voaportugues.com/a/filhos-de-imigrantes-africanos-mas-que-nasceram-e-cresceram-em-portugal-enfrentam-racismo-institucional/4450023.html?fbclid=IwAR2_1gnK1JWH9_EtTCoEkJBK5WWef6wdNqeNLMyDm82UMeHW-1JzhLlwyd8



Denuncia
close slider














HomeMullerColectivo


RegularIrregularNacionalNon consta


Menor de IdadeMaior de Idade






Relato dos feitos/Consulta
Cantos mais detallada sexa a relación de feitos, mellor. Non esquezas engadir, se procede, frases textuais, indumentaria, descripción do axente discriminador, etc..