19 Set RECURSOS: INFORME ANUAL 2016
SOS RACISMO NO SEU INFORME 2016 URXE AO PRÓXIMO GOBERNO Á ELABORACIÓN DE LEIS ANTIDISCRIMINACIÓN E DE PROTECCIÓN DE VÍTIMAS DE DELITOS DE ODIO
Familias de orixe estranxeira que reciben insultos do tipo “escravos” ou “deixade en paz aos españois” e golpes na parede da súa casa; Denegacións de autorización de matrimonio porque un dos cónxuxes descoñece o español sendo «imposible» levar a cabo a «audiencia reservada» que esixe a Lei; agresións a vendedores ambulantes con graves consecuencias físicas, son parte dos casos que a Federación SOS Racismo traballou no último ano e que se recolleron no Informe 2016 presentado en Madrid.
No informe, recóllense 247 incidentes racistas en todo o Estado e case 100 casos dentro da categoría de delitos de odio, que visibilizan en persoas de carne e óso unha realidade oculta da nosa sociedade e que é a base do traballo da Federación. Sobre esta cuestión, Vanessa Míguez, presidenta de SOS Racismo Galicia valorou, “estes números tradúcense na práctica en insultos, agresións, conflitos veciñais ou casos de acoso que menoscaban a convivencia e inflúen de forma moi negativa na vida cotiá de persoas que deben considerarse vítimas de delitos”. Dentro dos casos recolleitos neste informe 2016, o 28% están relacionados con conflitos e agresións racistas seguidos de denuncias de racismo institucional (22,86%) e problemas coa seguridade pública (18%).
Respecto das cifras do número de casos atendidos e da aparente estabilidade do número de casos recolleitos nos últimos anos, Mikel Mazkiaran, Secretario Xeral da Federación sinalou que ?a pesar de que o número de casos nos que intervén a Federación é estable nos últimos anos, non significa que non aumentasen, senón que permanecen invisibles ben porque se normalizou o acto discriminatorio e non se percibe como un delito, ben polo descoñecemento das vítimas?. Sobre esta afirmación, expúxose como exemplo os resultados do recente testing realizado pola Federación sobre acceso á vivenda no que en moitos dos casos aprécianse preocupantes comportamentos racistas na nosa sociedade que non ven reflectidos en ningunha estatística oficial.
Outro dos motivos de preocupación da organización é o contido de violencia (física ou verbal) que representa o 50% do total dos incidentes de odio con motivación racista ou xenófoba denunciados ás oficinas de SOS Racismo e que foron perpetradas por particulares, por membros de grupos de extrema dereita, así como por axentes de empresas de seguridade privada. Igualmente, é significativo o número de casos de discriminación racista e xenófoba vinculada á denegación acceso a establecementos de lecer como bares e discotecas, servizos inmobiliarios, aluguer de vehículos etc.
Unha realidade, a exposta no informe, que se reproduce na maioría dos territorios nos que intervén SOS Racismo. Alba Cuevas, portavoz de SOS Racisme Catalunya afirmou que “actuacións de violencia como as denunciadas no informe da federación ou no propio de Catalunya mostran un preocupante aumento das actitudes racistas e dun racismo de baixa intensidade no Estado”.
Por iso, Mohamed Gerehou – Presidente de SOS Racismo Madrid- e Mikel Mazkiaran insistiron na necesidade de buscar solucións que melloren o tratamento destas situacións que se están enquistando na nosa sociedade. Propostas que pasan pola esixencia ao próximo Goberno da elaboración urxente dunha Lei Integral contra a discriminación así como unha Lei de protección de vítimas de delitos de odio ?que protexa a esta independentemente da súa situación administrativa- que amplíe o concepto de delito de odio a outros supostos recolleitos no Código penal como son a denegación de prestacións públicas e privadas, a discriminación laboral ou actuacións dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Todo iso, a xuízo da Federación, debe partir non só do aumento do coñecemento desta realidade, senón tamén da creación dunha estratexia integral e consensuada entre administracións públicas, sociedade civil e cidadanía nas que a loita contra todas as formas de discriminación, nas súas formas directas, indirectas ou virtuais, sexa un dos vectores das políticas de convivencia.