24 Mai PUBLICACIÓN: Resumo Informe anual 2018. Galicia
Desde 1995, a Federación de Asociacións de SOS Racismo do estado español vén analizando a situación do racismo e a xenofobia en España e en Europa mostrando as diferentes tipoloxías e espazos onde se manifesta a través da elaboración dun Informe Anual.
É en 2014 que SOS Racismo Galicia, reconstitúese na Coruña de mans dunha nova Xunta Directiva e comeza a formar parte da Federación de Asociacións de SOS Racismo do estado español e participa na elaboración do Informe anual sobre Racismo e Xenofobia no estado español.
A primeira fonte para a elaboración do Informe Anual constitúena as vulneracións e denuncias que se recollen nas Oficinas de Información e Denuncia (OID) en Galicia (A Coruña e Vigo) e que corresponden a diferentes tipos de discriminación por motivos racistas: discriminación laboral, no acceso a prestacións públicas, conflitos veciñais, etc.
Durante o ano 2017 recolléronse un total de 70 vulneracións de dereitos, das cales destacan polo seu volume as correspondentes ao racismo institucional (tanto directo como indirecto) e os abusos de forzas de seguridade pública ou privadas. As 70 denuncias teñen nomes e apelidos, son persoas que viron violentados os seus dereitos por cuestións de rasgos fenótipicos, orixe, relixiosas ou étnicas. Unha parte destas vulneracións foron obxecto de procedementos xudiciais que en moitos casos rematarán de maneira insatisfactoria para a persoa denunciante. Porque se xa resulta difícil que un órgano xudicial aprecie o agravante de racismo nunha acción delituosa, conseguir a reparación da vítima ante actuacións discriminatorias no ámbito privado ou das relacións laborais é un labor complicado que require ferramentas legais e eficaces coas que non contamos hoxe en día.
A pesar de que dispoñemos da posibilidade de rexistrar casos de discriminación desde calquera lugar de Galicia a través da nosa páxina web, (www.sosracismogalicia.org) o certo é que a implantación territorial e os propios medios cos que conta cada unha das oficinas de Galicia condiciona o número de casos recollidos. E por iso que a alteración estadística de casos recollidos en A Coruña fronte ó resto de provincias é notablemente moi superior, ó ser a única localidade que durante o último trimestre de 2017 contou con aportación económica a través do Concello da Coruña para este servizo.
Sen pretender por tanto ofrecer un estudo cuantitativo do número de incidentes discriminatorios producidos en Galicia durante o ano 2017, cremos que a mostra de 70 casos que ofrecemos a continuación supoñen un reflexo cualitativo da discriminación nas súas diferentes tipoloxías que nos aproxima a unha realidade que transcende o ámbito penal dos delitos de odio e que polos motivos arriba explicados (diferenza entre feito discriminatorio e feito denunciado, limitacións da entidade, etc.) resulta imposible cuantificar con precisión.
Descarga aquí o resumo do Informe anual 2018 en Galicia