14 Ago COMUNICADO: Discriminación indirecta na normativa de acceso e obtención da “Tarxeta Millennium Social” para persoas desempregadas
SOLICITUDE DE MODIFICACIÓN DA NORMATIVA DE ACCESO E OBTENCIÓN DA TARXETA MILLENNIUM SOCIAL PARA PERSOAS DESEMPREGADAS E CON EMPREGO PRECARIO
Desde “SOS RACISMO GALICIA” queremos facer fincapé na importancia de modificar as normas para a alcanzar a igualdade de trato real, e non caer no racismo institucional e a discriminación indirecta, deixando excluídas a veciños e veciñas da cidade no acceso a igualdade de dereitos, por cuestións alleas a súa persoa.
Este é un dos casos que nos atopamos ca TARXETA MILLENNIUM SOCIAL para persoas desempregadas, en concreto, en referencia á documentación que dá acceso a dita bonificación, o que ven a supor unha situación de flagrante DISCRIMINACIÓN INDIRECTA para o colectivo de persoas que se atopan en situación administrativa irregular ou en empregos precarizados por insuficiencia de horas.
Por dito motivo, o día 28 de maio entregamos por Rexistro unha solicitude a Concellería de Mobilidade do Concello da Coruña informando desta situación e propoñendo alternativas para a súa solución.
Cando falamos de DISCRIMINACIÓN INDIRECTA, acollémonos a
- artigo 28 c) da Lei 62/2003, de 30 de decembro, de medidas fiscales, administrativas e do orden social, onde se define esta como:
“Discriminación indirecta: cando unha disposición legal ou regulamentaria, unha cláusula convencional ou contractual, un pacto individual ou unha decisión unilateral, aparentemente neutros, poidan ocasionar unha desvantaxe particular a unha persoa respecto doutras por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, sempre que obxectivamente non respondan a unha finalidade lexítima e que os medios para a consecución desta finalidade non sexan adecuados e necesarios.”
- Artigo 23 da Lei Orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.
“Para os efectos desta Lei, representa discriminación todo acto que, directa ou indirectamente, leve unha distinción, exclusión, restrición ou preferencia contra un estranxeiro baseada na raza, a cor, a ascendencia ou a orixe nacional ou étnica, as conviccións e prácticas relixiosas, e que teña como fin ou efecto destruír ou limitar o recoñecemento ou o exercicio, en condicións de igualdade, dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais no campo político, económico, social ou cultural.
En calquera caso, constitúen actos de discriminación:
- Os efectuados pola autoridade ou funcionario público ou persoal encargado dun servizo público, que no exercicio das súas funcións, por acción ou omisión, realice calquera acto discriminatorio prohibido pola lei contra un estranxeiro só pola súa condición de tal ou por pertencer a unha determinada raza, relixión, etnia ou nacionalidade.
- Todos os que impoñan condicións máis gravosas que aos españois, ou que impliquen resistencia a facilitar a uns estranxeiro bens ou servizos ofrecidos ao público, só pola súa condición de tal ou por pertencer a unha determinada raza, relixión, etnia ou nacionalidade.
Se ben esta asociación trasladou en anterior ocasión a necesidade de modificación de dita normativa a través da Concellaría de Xustiza Social e Coidados, recibindo por resposta que non era posible nese momento tal modificación, facémolo de novo a propósito da posíbel modificación do prezo do billete no transporte público urbano da Coruña que ten anunciado o Concello da Coruña en Prensa [1].
Rememorando as condicións para acceder á Tarxeta Millennium Social para persoas desempregadas, son indispensábeis tres requisitos: (1) ser maior de 16 e menor de 65 anos, (2) estar empadroado no Concello da Coruña e (3) atoparse en situación de desemprego. Para a acreditación de ditas circunstancias, solicítase presentación do documento identificativo e un informe do Servizo Público de Emprego (antigo INEM).
En relación ao último documento requirido, debemos salientar que as persoas en situación administrativa irregular, pese a atoparse en situación de desemprego, non teñen acceso á inscrición no Servizo Público de Emprego por carecer de N.I.E., o que ten como consecuencia directa, entre outras inxustizas, a imposibilidade de acceder á Tarxeta Millennium Social para desempregadas, a pesar de dar cumprimento aos requisitos de feito. Esta situación de non acceso ao SEPE ven regulada pola Orden do Ministerio de Trabajo y Seguridad Social de 22 de novembro de 2006 (BOE de 6 de decembro), que ven estabelecer que so poderán inscribirse nas oficinas de emprego os estranxeiros non comunitarios que “en aplicación da vixente normativa sobre permanencia e traballo dos estranxeiros en España, teñan recoñecido o dereito de acceso ao mercado de traballo”, dereito do que carecen as persoas en situación irregular. Asimesmo, enumera tamén no seu artigo 2 os “documentos acreditativos que dan dereito de acceso ao mercado de traballo” esixindo sempre a “autorización de residencia”, ademais de estar “en posesión dunha autorización administrativa para traballar ou ben, non estando en posesión dela, e atopándose legalmente en España, estar en condicións de acceder a ela”.
Desta forma, as persoas estranxeiras que carezan da autorización de residencia non poden acceder á documentación solicitada na normativa vixente sobre a obtención da TARXETA MILLENNIUM SOCIAL para desempregadas, o que trae como consecuencia unha situación de DISCRIMINACIÓN INDIRECTA, ao se tratar dunha normativa que castiga especialmente ao colectivo de persoas en situación administrativa irregular. Desta forma, colectivos en exclusión ou en risgo, que son os que máis precisan a bonificación económica no transporte para a procura de emprego, négaselle o acceso a ela por unha cuestión de forma, afastada da realidade dos feitos. Dende SOS Racismo Galicia entendemos que esta cuestión sería fácilmente solucionábel permitindo acreditar a situación de desemprego mediante outra documentación.
Alén disto, non podemos deixar de solicitar tamén a inclusión no acceso a dita bonificación no transporte público daquelas persoas (independentemente da súa situación administrativa) que non atopándose en situación de desemprego se atopan empregadas de xeito precario, traballando unhas poucas horas á semana baixo unha remuneración escasa que non cubre as necesidades primarias, sendo moitas veces estos ingresos, moito menores que os de unha persoa que esta a cobrar a prestación por desemprego. Deste xeito, entendemos que é razonable e esixible a equiparación de estas persoas á situación prevista para as “persoas desempregadas”.
A situación de desemprego ou emprego precario entendemos que pode se acreditada con calquera dos seguintes documentos:
- Acreditación de estar percibindo a renda social municipal, prestación que apenas se percibe por persoas desempregadas ou en situación de emprego precarizado por insuficiencia de horas. Se o propio Concello da Coruña ten outorgado dita renda á persoa interesada, a súa situación de desemprego se entende xa comprobada por este organismo, non sendo necesario o documento do SEPE.
- Informe da/o traballador/a social que declare atoparse ou en situación de desemprego ou empregada de xeito precario.
- A concesión da RISGA en casos tanto de desemprego ou emprego precario.
- Certificado acreditativo de estar a participar en Intinerario de inserción sociolaboral por calquera das entidades prestadoras de servizos colaboradoras da administración.
- Calquera outra documentación oficial que igualmente declare a situación de desemprego ou emprego precario da persoa interesada recollida no ordenamento xurídico.
- Declaración responsable. Artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas
- Para os efectos desta Lei, entenderase por declaración responsable o documento subscrito por un interesado no que este manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente para obter o recoñecemento dun dereito ou facultade ou para o seu exercicio, que dispón da documentación que así o acredita, que a poñerá a disposición da Administración cando lle sexa requirida, e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigacións durante o período de tempo inherente ao devandito recoñecemento ou exercicio. Os requisitos aos que se refire o parágrafo anterior deberán estar recolleitos de maneira expresa, clara e precisa na correspondente declaración responsable. As Administracións poderán requirir en calquera momento que se achegue a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos e o interesado deberá achegala.
- Para os efectos desta Lei, entenderase por comunicación aquel documento mediante o que os interesados poñen en coñecemento da Administración Pública competente os seus datos identificativos ou calquera outro dato relevante para o inicio dunha actividade ou o exercicio dun dereito.
- As declaracións responsables e as comunicacións permitirán, o recoñecemento ou exercicio dun dereito ou ben o inicio dunha actividade, desde o día da súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teñan atribuídas as Administracións Públicas.
Así, entendemos necesaria unha ampliación e modificación da normativa de acceso a esta modalidade de TARXETA MILLENNIUM SOCIAL nestes termos, atopándonos nun momento perfecto para engadir a nosa solicitude á normativa, en aproveitamento da posíbel modificación da mesma en relación ao prezo dos billetes, como tivemos noticia. Solicitamos, por tanto, se poña fin a esta situación de discriminación indirecta do xeito máis rápido posíbel, para dar solución a este escenario discriminatorio fronte ao colectivo de persoas en situación administrativa irregular ou en situación de emprego precario.
[1] https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/gobierno-municipal-quiere-aplicar-rebaja-tarifas-autobus-urbano/20180522232900373821.html