Radi-Aid: así parodian os africanos o absurdo de moitas campañas de asistencia humanitaria

Radi-Aid: así parodian os africanos o absurdo de moitas campañas de asistencia humanitaria

A necesidade e a pobreza venden. As migracións e a fame, tamén. Esta é a premisa na que se baseou a cooperación ao desenvolvemento en África. Con imaxes positivas e datos optimistas é máis difícil conseguir financiamento, e, mesmo permanecer en terreo africano xustificadamente. Por iso, a tendencia dende o Norte ten sidoabusar dunha visión simplista, fomentando a ignorancia doutras realidades que tamén se producen no continente. Os discursos afropesimistas adoptados polos gobernos occidentais, insistiron en reprochar ás democracias africanas ser neo-patrimonialistas, subliñar a corrupción como unha práctica habitual entre os seus líderes, insistindo na necesidade de cooperar co Sur para xerar recursos que axuden a poboacións «desamparadas», afectadas polas guerras e a fame, e dando motivos para continuar presentes no continente baixo unha forma máis ou menos encuberta de neocolonialismo.

Agora, ante a deriva democrática, a crise financeira e de valores, e o tremendo descontento social nos países do Norte, algúns africanos decidiron mobilizarse. «O conto de fadas da modernidade occidental»[1] esborrállase, invértense os conceptos cara a un «europesimismo» e a crenza de que o campo político non responde ás necesidades dos seus cidadáns, ou que o sistema occidental fracasou, esténdese como a pólvora. Quizais seguindo as teorías de Anne-Cécile Robert (L’Afrique au secours de l’Occident, 2004) cresen que xa era hora de axudar a refundar un sistema que nos levou ao bordo do abismo. Ou, talvez vendo que as nosas «democracias» tamén responden a neo-patrimonialismos ou que a corrupción salpica a todos os nosos líderes, algúns sudafricanos decidisen lanzarse ao noso auxilio a través de actos caritativos.

A pesar de todo, pode que simplemente nos estean a intentar dar unha lección de humildade.

Radi-AidAfrica For Norway, lanzou unha grandiosa campaña viral por Internet para a recollida de radiadores para a poboación norueguesa. A través dun videoclip satírico, construíron xunto a uns cantos cantantes, unha parodia do absurdo de moitas campañas para a asistencia humanitaria, como a que protagonizaron Michael Jackson, Paul Simon ou Bruce Springsteen coa canción We are the world da fundación caritativa USA for Africa.

Algunhas zonas de Noruega poden alcanzar temperaturas inferiores aos -40°C en inverno, así que, que mellor xeito de axudar aos pobres e indefensos noruegueses «mortos de frío» que enviarlles radiadores para poder proporcionarlles unha existencia máis cálida? Sarcasmos á parte, a iniciativa, onde participa o Fondo de Asistencia Internacional dos Estudantes e Académicos Noruegueses (SAIH) -financiados polo goberno noruegués-, reivindica a necesidade de cambiar os discursos respecto a África, e abrigo, de recoñecer as cousas positivas que suceden no continente, máis alá das guerras ou a fame, que non representan ao global dos africanos. Coa intención de fomentar o coñecemento e o respecto das diversidades africanas, queren desmitificar os clixés e os estereotipos adquiridos dese discurso xerado dende o Norte, e ofrecer outros relatos que desbanquen esa «historia única» da que nos fala Chimamanda Ngozi Adiche. O seu traballo céntrase na «liberación económica, política, social e cultural no Sur» e xa está dando a volta ao mundo (o seu vídeo en YouTube recolle máis de 650.000 visitas, e a súa páxina de Facebook supera os 7.000 admiradores).

Na web de Radi-Aid podedes encontrar a síntese do seu manifesto:

  • A recadación de fondos non debe basearse en estereotipos explotadores. A maioría de nós cánsase se os únicos que vemos son imaxes tristes do que está a pasar no mundo, en vez de cambios reais.
  • Queremos unha mellor información do que está a pasar no mundo, nas escolas, na televisión e nos medios de comunicación. (…) Necesitamos máis información sobre como os países occidentais teñen un impacto negativo nos países «en desenvolvemento».
  • Medios de comunicación: mostrade respecto. Os medios de comunicación teñen que ser máis éticos cos seus informes. Imprimirías unha foto dun bebé branco famento sen permiso? As mesmas regras deberían ser aplicadas cando os xornalistas están a cubrir o resto do mundo, como o fan cando se encontran no seu país de orixe.
  • A axuda tense que basear nas necesidades reais, non en «boas» intencións. A axuda só é unha parte dun cadro máis grande, temos que ter en conta a cooperación e os investimentos, e cambiar outras estruturas que freen o desenvolvemento nos países máis pobres. A axuda non é a única resposta.


Xa en 2008, a xente de SAIH realizou unha campaña en Ghana para recadar fondos para a necesitada poboación da «fría e estéril» Suecia. A iniciativa, Help Sweden, pretendeu fomentar tanto unha nova perspectiva da axuda como a revisión das relacións entre Norte e Sur. A través do sorriso, tratouse de recoñecer o absurdo da xeneralización en cuestión de pobreza, e polo tanto, abrir interrogantes sobre a nosa imaxe de África.

Visitade o vídeo da campaña en http://www.youtube.com/watch?v=oJLqyuxm96k#t=29