Discriminación por motivos étnicos no acceso os locais de ocio nocturno da Coruña

Discriminación por motivos étnicos no acceso os locais de ocio nocturno da Coruña

Na noite do sábado, madrugada do domingo 8 de xuño, SOS Racismo Galicia levou a cabo en 5 pubs da Coruña, unha proba de testing sobre discriminación étnica no acceso a locais de ocio nocturno. Esta proba enmárcase nun proxecto da Federación Estatal de SOS Racismo subvencionado polo Ministerio de Emprego, dentro dos programas cofinanciados polo fondo europeo para a integración, e levouse a cabo de xeito simultáneo en cinco cidades do estado español: A Coruña, Donostia, Zaragoza, Barcelona e Madrid.

Este tipo de accións, denominadas «testing«, son un dos mellores métodos para demostrar a discriminación que se exerce nalgúns contextos, especialmente aqueles nos que é difícil demostrar a motivación racista, como é o acceso aos locais de ocio. Por iso é importante que as persoas que participan cumpran unhas normas de vestiario e imaxe concretas, para evitar outros posibles motivos de discriminación. A idea é sinxela: se ningún elemento, salvo os trazos físicos que denotan unha orixe nacional determinada permite diferenciar entre dous grupos, (o autóctono e o estranxeiro), a diferenza de trato entre elas tan só poderá explicarse a priori, polo feito de que a decisión se vise influída polos devanditos trazos físicos. O deseño da proba fíxose con catro parellas en todas as cidades: unha parella ou grupo chamado de control de rapaces con trazos europeos, unha parella de rapaces latinos, outra de africanos negros e outra de magrebís.

Na Coruña, dos 5 locais nos que se realizou o testing, prohibíuselles a entrada en 2 deles a todas as parellas estranxeiras.

Na pub STUDIO 54, a ningunha das tres parellas de estranxeiros se lle permitiu a entrada. A escusa alegada foi que había unha festa privada. Non obstante, a parella de control (galegos) puido entrar sen ningunha dificultade. Cando un dos participantes da parella magrebí pediu a folla de reclamacións negáronse a facilitarlla, non obstante ao ser esta solicitada polo grupo de control galego, si se lles entregou.

No pub DUX CORUÑA, negóuselles a entrada ás tres parellas extraeses, coa explicación «porque non me dá a gana, senón estás de acordo pide unha folla de reclamacións». A parella de control, galega, e cunha forma de vestiario e imaxe similar ás outras parellas, si se lle permitiu a entrada.

Engadir por último que o proxecto ao que nos referiamos ao comezo

contempla non só a realización do testing senón a posta en marcha de litixios estratéxicos para aqueles casos nos que se producise algún tipo de discriminación. Por iso, dende mañá mesmo poñémonos en contacto coas persoas que participaron na proba e sufriron unha actuación discriminatoria para poñer á súa disposición os recursos xurídicos da nosa entidade e poder encontrar unha resposta satisfactoria que sirva para animar os que sofren este tipo de abusos denúncienos nas instancias que correspondan.

Dende SOS Racismo Galicia creemos que estes resultados demostran que a discriminación por motivos raciais ou étnicos é unha realidade que en moitas ocasións se encontra oculta entre diversas escusas que supoñen un uso abusivo do dereito de admisión. Neste sentido, instamos ás administracións local e autonómica responsables das autorizacións que se conceden a este tipo de locais para que poñan en marcha protocolos de actuación que axuden a mellorar o servizo deste tipo de establecementos e á vez ofrezan ferramentas ás persoas que vexan denegada a súa entrada.

A posta en marcha destes instrumentos debe facerse dende o diálogo e a cooperación. Neste sentido, SOS Racismo Galicia quere contribuír con este testing a que A Coruña sexa unha cidade máis aberta. Porque o tratamento que damos ás nosas veciñas e veciños chegados doutros lugares nos dá a medida dos principios éticos que rexen a nosa sociedade.