COMUNICADO: Un mal tratamento informativo pode alimentar prexuízos racistas

COMUNICADO: Un mal tratamento informativo pode alimentar prexuízos racistas

O pasado 28/09/2016 o xornal Faro de Vigo publicaba, tanto na súa edición impresa coma na dixital, unha noticia que levaba por título “La Policía Nacional resuelve una decena de hurtos al mes por avisos de ciudadanos”. No subtítulo da nova especificábase que “Desde comisaría reciben una media de seis llamadas al día para advertir de robos o puntos de venta de droga. Esta colaboración acorta en tres meses el trabajo de los agentes”. Atopándonos, por tanto, ante unha peza xornalística relativa a furtos, roubos ou venda de droga, non comprendemos o motivo polo que a imaxe desta noticia mostra unha persoa negra sendo detida, acompañada do pé de foto “Agentes de la Policía Nacional detienen a un vendedor ambulante tras el aviso de vecinos”.

Calquera de nós coñece a importancia que as imaxes e os titulares teñen nun xornal: son os elementos máis destacados das noticias, o que chega a todos/as os/as lectores/as, a información que máis perdura na nosa memoria. Neste caso, dita fotografía non garda relación algunha co resto da noticia, pois a venda ambulante non está relacionada, baixo ningún punto de vista, con cuestións como roubos ou venda de droga. Ademais, en momento algún do texto -nin nos títulos nin no corpo da noticia- se menciona nin se informa de nada relativo á venda ambulante, polo que non entendemos por que este xornal opta por publicar unha imaxe e un pé de foto en absoluto ilustrativos do contido da noticia e que ademais criminalizan claramente á poboación inmigrante, sen esquecer os danos que tal feito tamén poida implicar para a propia persoa fotografiada, ao difundirse a súa imaxe inserida nun contexto de informacións coas que non ten ningún tipo de correspondencia ou conexións.

Desde SOS Racismo Galicia demandamos que os medios de comunicación non favorezan a construción dunha visión falseada ou estigmatizadora da inmigración e de calquera cuestión relativa á diversidade social e cultural. Os medios poden, polo contrario, contribuír a derrubar estereotipos a través de información veraz e desempeñar un papel esencial no fomento de valores sociais positivos. O propio Código Deontolóxico do Xornalismo Galego establece coma un dos seus criterios actuar con especial responsabilidade e rigor no caso de informacións ou opinións con contidos que poidan suscitar discriminacións por razón de sexo, raza, crenza ou extracción social e cultural.

Reclamamos, así mesmo, a fin da criminalización e da represión contra os/as traballadores/as que se dedican á venda ambulante, pois non se trata dunha actividade delictiva alimentada por supostas mafias, senón dunha actividade laboral de persoas que hai tempo veñen reivindicando que “sobrevivir non é delito”.