COMUNICADO: Contra o racismo policial. Ningunha agresion sen resposta

COMUNICADO: Contra o racismo policial. Ningunha agresion sen resposta

O mércores 6 de xullo ás 12.45 h no Xulgado nº 3 do Penal da Coruña, case 5 anos despois de se produciren os feitos, terá lugar o xuízo contra dous policías locais da Coruña, imputados por un caso de posibles delitos de tortura e lesións contra un cidadán coruñés de orixe senegalés.

Os actos aconteceron o día 4 de agosto de 2011 sobre as 20:00 horas, cando a vítima atopábase con varios compañeiros da súa mesma nacionalidade sentados nun banco e charlando nas proximidades do Cantón Grande, e foron sorprendidos por dúas persoas (posteriormente aos feitos, identificados como axentes de policía local de “paisano”), que lle intentaron sustraer unha bolsa da súa propiedade, ao mesmo tempo que lle apuntaban primeiro á cabeza e logo ao peito, cun arma de fogo.

Os servizos de asesoramento xurídico da Oficina de Información e Denuncias (OID) de SOS Racismo Galicia están a levar o caso dende o ano 2013. A entidade denuncia a gravidade dos feitos acontecidos, por tratarse dun abuso de poder contra un individuo pertencente a un colectivo en situación de vulnerabilidade, coincidindo cuns anos de represión moi forte contra o colectivo de migrantes residentes na cidade da Coruña a través da denominada “Operación Yanquee”. A falta de seguimento da normativa, a inutilización dos procedementos de garantía aos intervidos, o emprego de axentes “de paisano” (para actividades para as que non debería estar permitido), ameazas, detencións ilegais derivadas de infraccións administrativas, sustraccións non documentadas, etc… estiveron á orde do día naquel entón.

Dende SOS Racismo Galicia, entendemos que este tipo de comportamentos veñen dados por actitudes racistas e de abuso de poder por certos membros dos corpos de seguridade, aproveitando a situación de vulnerabilidade admnistrativa en que se atopan algúns membros do colectivo migrante. Agardamos que este xuizo, no que os imputados poderían enfrontarse á posiblidade dunha condea de cárcere, inhabilitación ou multas, sirva como exemplo de que non todo vale, e que a igualdade de dereitos da cidadanía é real e non meras palabras.

Hemeroteca:

http://www.europapress.es/galego/noticia-asociacions-inmigrantes-denuncian-actuacions-policiais-irregulares-co-colectivo-senegales-na-coruna-20110807185126.html

http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2011/08/11/nacionalistas-reclaman-soluciones-inmigrantes-top-manta/522483.html

http://www.lavozdegalicia.es/coruna/2011/08/07/0003_201108H7C79910.htm

http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2011/08/07/denuncian-juzgado-trato-vejatorio-inmigrante-africano-coruna/521453.html

http://inmigraciongalicia.org/es/noticias_lector.asp?id=2287