A XUSTIFICACIÓN INXUSTIFICADA DA INDIFERENZA.

A XUSTIFICACIÓN INXUSTIFICADA DA INDIFERENZA.

 

Hoxe, 21 de marzo, Día Internacional contra a discriminación racial, é unha oportunidade para levantar a voz, para deixar de ser simples observadores/as, para pedir que o resto dos días do ano, as desigualdades non nos sexan indeferentes.

Non vos podo dicir que é peor, se o dano causado tras sufrir a discriminación por parte dunha persoa, ou a dor pola profunda indiferenza de tódalas demais.

Con demasiada frecuencia, cando alguén denuncia unha actitude discriminatoria, o diagnóstico da persoa que escoita sempre soe ser o mesmo: esaxeración, victimismo ou xustificación do feito como algo pequeno ou anecdótico.

Parece ser que neste país senón falamos de agresións e violencia racista, todo o demais pode ser xustificado. Pois non. O racismo non é un xeito de ver as cousas, non é un fantasma, non é unha creación da xente negra, o racismo é unha realidade que nos golpea a cara tódolos días, é o prexuízo, o desprezo e o conformismo.
Existe un racismo institucional, un discurso racista que pouco a pouco vai calando na sociedade. E un racismo social, encuberto, que non é explícito, aínda que empeza a selo, que se esconde detrás de miradas, xestos e comentarios, que fan que unha persoa negra se sinta observada, en moitos casos vixiada e 24 horas ao día xulgada.

Sen embargo, seguimos xustificando. Fai un tempo, falando cun grupo de persoas sobre a discriminación que poden sufrir os nenos e nenas negros/as nas escolas, alguén me dixo que é a mesma que pode sufrir un neno/a con sobrepeso ou que leva lentes. Dende logo que eu non atopo as similitudes: as discriminacións que poden ter lugar no patio do colexio por levar lentes ou ter sobrepeso non se traducen en fobias que teñen continuidade na vida adulta: ninguén odia ou despreza as persoas que teñen lentes, nin hai ningún colectivo parecido aos neonazis que teña como obxectivo agredir ou expulsar a xente gorda, nin ninguén comenta que os que levan lentes deberían fundirse en caiucos, e ninguén lles dirá que o piso xa esta alugado cando é evidente que non, nin a policía lles esixirá a documentación, facéndolles sentir coma delincuentes polo simple feito de ter lentes.

Tolerar e xustificar feitos racistas da pé a que interioricemos que non pasa nada por ser racistas, por ter prexuizos ou por discriminar a xente pola súa cor.

Agora, podes seguir xustificando o inxustificable, podes seguir sendo cómplice da indiferenza e agochando os teus prexuizos. Iso si, son negra e gustarache ou non, son GALEGA COMA TI.

contra-racismo