MEMORIA 2015: Derribando muros, construíndo pontes.

MEMORIA 2015: Derribando muros, construíndo pontes.

 

DERRIBANDO MUROS, CONSTRUÍNDO PONTES.

Vanessa Míguez Martín. Presidenta de SOS Racismo Galicia

O 2015 foi un ano marcado, sen dúbida, pola crise das persoas refuxiadas, con case 60 millóns de seres humanos obrigados a fuxir dos seus fogares, unha situación que non era tan dramática desde a Segunda Guerra Mundial.

Paralelamente, distintos ataques terroristas ocurridos en territorio europeo, fixeron  volcar a atención da opinión pública cara conflitos que parecían esquecidos, e co transcorrer dos acontecementos foise xerando unha verdadeira pandemia de crecente islamofobia nunha Europa escorada á dereita, e cun discurso e política, en moitos países, xenófoba e racista.

Picar na imaxe para acceder a Memoria

No caso do Estado español, diversos informes e os propios datos oficiais publicados polo Ministerio do Interior sobre delitos de odio (2014), sinalan que o 40% dos ataques  producidos no noso contexto son por islamofobia, e un 31% por racismo, sendo, polo tanto, a tipoloxía de crimes de odio máis habituais os racistas e xenófobos.

O aumento do racismo, a intolerancia e a estigmatización de inmigrantes é un feito palpable. Pero o máis perigroso para a convivencia pacífica das sociedades multiculturais, é que tanto os discursos políticos como os dos grandes medios de comunicación de masas optaron por acrecentar esta lacra. O racismo ademais está instaurado a nivel institucional, con actuacións tan abominábeis como as identificacións por perfilvracial, a propia existencia dos CIE, ou con lexislación tan retrógrada como a que supón a chamada “lei mordaza”, que non fai senón criminalizar aínda máis a colectivos nunha situación de extrema vulnerabilidade, nun ambiente de crecentes tensións sociais que ten causado a crise económica que sufrimos nos últimos anos.

Desde SOS Racismo Galicia, e grazas ao apoio de todas as persoas que estades aí (voluntariado, socias, entidades colaboradoras, etc.), seguiremos esforzándonos na loita por construír unha verdadeira convivencia intercultural, denunciando a intolerancia e as inxustizas sociais, e potenciando a diversidade como un valor a defender e respectar na nosa sociedade.