COMUNICADO: SOS Racismo Galicia denuncia actitudes islamófobas no aeroporto de A Coruña e Bilbao

noviembre 6, 2017
0 Comment

O pasado 5 de outubro unha parte do equipo de SOS Racismo Galicia, concretamente oito mulleres, comezaron a súa viaxe cara o Congreso sobre Islamofobia de Xénero, organizado pola Federación de SOS Racismo do Estado Español e celebrado na cidade de Bilbao.

 Unha vez no control de seguridade do aeroporto de A Coruña, a punto de comezar a travesía, dúas das persoas do grupo foron apartadas para realizarlles un control “aleatorio” das súas pertenzas. Isto, nun principio, non parece un acontecemento fóra da normalidade, a non ser que atendamos ó detalle de que as dúas mozas separadas eran as únicas portadoras de hiyab. Poderíamos considerar este feito como unha casualidade, mais á volta do congreso repetiuse a mesma coincidencia. No control de seguridade, esta vez do aeroporto de Bilbao, as dúas mozas co pelo tapado polo hiyab, que non as únicas do grupo, foron sometidas a un exame, de novo “aleatorio”, de explosivos.

 Resulta paradóxico que o Congreso ó que acudiu o equipo de SOS Racismo versara precisamente sobre o acontecido na viaxe, sobre as prácticas discriminatorias que reforzan os prexuízos e os estereotipos que pesan sobre as persoas musulmás. De oito mulleres, dúas foron apartadas por levar o pelo tapado, ou o que é o mesmo, dúas mulleres foron sinaladas como sospeitosas por levar un pano cubrindo parte da súa cabeza.

Utilizar o hiyab como método de detección de posibles persoas sospeitosas vulnera todos os dereitos do ser humano, en concreto, das mulleres musulmás que deciden utilizar esta prenda. O acaecido nos aeroportos de Bilbao e A Coruña son actos de islamofobia, comportamentos abusivos e ofensivos que, a forza de ser repetidos, están xa fixos na sociedade que chega a percibir estes feitos como algo normal.

Aena, coma entidade responsable dos aeroportos en territorio español, xa ten constancia formal da nosa queixa, que foi interposta o día 26 do pasado mes de outubro. Sen embargo, como organización na procura da erradicación do racismo, dunha sociedade libre e respectuosa na que todos teñamos cabida, queremos tamén reclamar xustiza. Xustiza social para as nosas compañeiras que viaxaban ca organización para asistir a un congreso e foron criminalizadas pola súa relixión, xustiza para todos aquelas persoas que son estigmatizadas día tras día na nosa sociedade pola cor da súa pel ou polo seu lugar de procedencia.

Unha vez máis, gustaríanos lembrarlle ás institucións, tanto públicas coma privadas, que é unha flagrante vulneración dos dereitos dos seres humanos a utilización da procedencia, orixe, a cor da pel ou ascendencia coma motivo para someter ás persoas a rexistros detallados, controis de identidade e investigación, tal e como recolle o informe presentado ao Consello de Dereitos Humanos da Asamblea Xeral das Nacións Unidas do 20 de abril de 2015.

Anímate a compartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInPin on Pinterest
[top]

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *