COMUNICADO: Inmigracionalismo en prensa: Por un periodismo responsable

julio 30, 2018
0 Comment

O pasado mes de xuño, a través da Oficina de Información e Denuncias en materia de Racismo e Xenofobia, unha lectora do xornal “El Progreso” pusoxe en contacto con nosa entidade en relación o artigo publicado o 11 de xuño de 2018 baixo o titular “El gobierno acordó expulsar de Lugo a 123 extranjeros en dos años” https://www.elprogreso.es/articulo/lugo/gobierno-acordo-expulsar-lugo-123-extranjeros-anos/201806111212581317436.html .

Como asociación que defende a igualdade de trato e a non discriminación por cuestión de orixe, etnia, relixión ou cultura, entendemos que o trato dado a través desta noticia é tendencioso, xa que fomenta estereotipos e prexuízos sobre colectivos vulnerables de seu.

É un exercicio de responsabilidade na labor dos/as profesionais do xornalismo, asumir que os medios actúan como principal referencia informativa e formativa dun importante sector da sociedade. Por esa razón, con este tipo de noticias, transmítense prexuízos e estereotipos negativos, reforzando os xa existentes entre o público ou engadindo outros novos.

A 11/06/2018 os principais medios de comunicación impresa abrían os seus xornais coa noticia do ofrecemento por parte do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, do porto de Valencia para o atraque do barco Aquarius e a acollida das persoas ocupantes. Sendo esta a principal noticia do ámbito en todos os medios de comunicación, chámanos a atención a  presunta tendenciosidade da publicación do artigo “El gobierno acordó expulsar de Lugo a 123 extranjeros en dos años” a dobre páxina e ocupando a primeira e segunda folla deste xornal.

Namentres a meirande parte dos medios enfocan a noticia dende un punto de vista humanitario da vulnerabilidade das persoas ocupantes do Aquarius ante o abandono por parte da Unión europea e as circunstancias aberrantes sufridas nos seus países de orixe, “El Progreso” dedica dúas páxinas completas a criminalizar a poboación estranxeira falando das deportacións dende unha perspectiva sensacionalista o expoñer os datos de forma absoluta e non relativa, descontextualizando estes.

“El Gobierno acordó expulsar de Lugo a 123 extranjeros en dos años”

No titular fálase de 123 “acordos” de expulsión en dous anos cando en realidade son 19 os que son firmes. A utilización da páxina 2 e 3 do xornal impreso para publicar un artigo criminalizando a poboación inmigrante falando de deportacións, entendemos que é tendencioso. Primeiro, porque no artigo 24 da Constitución española, recoñécese a presunción de inocencia, e que un expediente sexa aberto non indica que sexa firme. E segundo, tal como consta no seu artigo, das 123 aperturas de expediente sancionador, 84 aínda están en proceso e non son firmes, 6 foron revocadas, outras 6  substituídas por multa e outras 8 arquivadas.  É dicir, 19 ordes de expulsións executadas nos dous últimos anos, o que supón un 15% do expresado no alarmante titular. Falamos que as persoas expedientadas significan un 0,001 % da poboación estranxeira empadroada na provincia de Lugo.

Así mesmo, na páxina 3, a xornalista céntrase unicamente naqueles casos concretos en que as persoas sancionadas foran xulgadas e condenadas a unha pena mínima de prisión dun ano, significando estes casos menos do 25% . Tal como se deduce dos datos, estes casos son cuantitativamente insignificantes en relación ao número total, pero do tratamento do artigo, enténdese todo o contrario.

“Deportaciones: Marroquíes, dominicanos y colombianos encabezan la lista”

Unha das máximas do periodismo debería ser a de informar, tratamento obxectivo da información. Facilitar unhas cifras de datos absolutos sen contextualizar, unha vez máis, podemos consideralo tendencioso.

CapturaNo artigo falan de números absolutos de “marroquís, dominicanos e colombianos” como encabezadores da lista de expulsións resoltas en 2016 e 2017 (volvemos outra vez a lembrar que non todas elas son firmes, estando aínda en trámite) como se estas comunidades foran máis conflictivas que outras ou máis candidatas a este tipo de actuacións, obviando que son as comunidades segundo o INE, con maior poboación empadroada na provincia de Lugo.

Falar de “marroquís, dominicanos e colombianos” como comunidades homoxenizadoras atribuíndolles a comisión dunha  infracción administrativa, non resulta obxectivo ao ter en conta que por exemplo as persoas marroquís con apertura de expediente sancionador na provincia de Lugo nos dous últimos anos  representa un 1,16%, as persoas rumanas 0,43 %, e as persoas de nacionalidade dominicana un 2,56 %.

Aínda así, queremos lembrar que apertura deste tipo de expedientes non significa a firmeza da sanción, senón o inicio dun expediente administrativo sancionador onde debe haber varios trámites para alegacións e presentación de probas, tras o cal a sanción primeiramente proposta pode variar ou, incluso, ser arquivada. Deste xeito, cando El Progreso enumera as sancións encabezando o cadro do artigo co termo “Expulsiones resueltas” non está informando de xeito veraz, pois gran parte do número de sancións que aparecen neste aínda poden estar en trámite de recurso.

Una joven de Colombia “simuló”…, Un marroquí apuñaló …, Un okupa rumano …

Por se ese artigo non fose suficiente, a continuación do mesmo relatan tres casos concretos de persoas expulsadas tras ser condenadas por cometer presuntamente actos ilegais https://www.elprogreso.es/articulo/noticias/joven-colombia-simulo-trabajo-asistenta-lograr-permiso-residencia/201806111741521317522.html , presentándose baixo os títulos de:

34984383_1970017426645602_3397156076997574656_n

Fotografía edición impresa El Progreso de 11/06/2018

 Una joven de Colombia “simuló” un trabajo de asistenta para lograr el permiso de residencia

Un marroquí apuñaló a otro y alegó “buen comportamiento social” para no ser deportado

Un okupa rumano fue considerado “un peligro para la paz” tras varias condenas por maltrato

Podemos ver que os tres titulares teñen en común a referencia ao país de orixe das persoas que supostamente cometeron actos ilegais. Tal como se recolle no Código deontolóxico e Recomendacións para o tratamento da información sobre comunicación e minorías étcnicas do Colexio de Xornalismo de Galicia, “Non deben incluírse nas noticias características como o grupo étnico, a cor da pel, o país de orixe, a lingua, a relixión ou a cultura agás nos casos en que sexa estritamente necesario para a comprensión da información. Este tipo de caracterizacións estabelece dicotomías do tipo eles / nós, que afastan ás minorías do resto da poboación e adoitan relacionarse con outros binomios maniqueos. A súa inclusión debe coidarse aínda máis perante a inclusión de conceptos tan contestados como os de “etnia” ou “raza”, dos que se ten discutido a súa utilidade para a caracterización dos grupos humanos.”

 Por todo elo, entendemos que a través deste tipo de artigos preténdese fomentar unha actitude negativa con respecto ao feito migratorio e as persoas migrantes, utilizando información sensacionalista e non axustada a realidade, xa que incluso en todo momento obviase a dura realidade das persoas inmigrantes que viven no estado español (sexa en Lugo ou noutras cidades ou vilas). Así, facer fincapé na gravidade dos empregos simulados ou das ocupacións sen sequera mencionar as incongruencias da lei de estranxeiría as que se enfrentan as persoas migrantes no acceso o mercado laboral e a súa inclusión social, supón fomentar estereotipos acerca da falta de vontade destas persoas para “integrarse”, cargándolles toda a responsabilidade dos procesos de inclusión, eximindo as administracións e a sociedade da súa responsabilidade.

Dos inmigrantes en la Rúa da Raíña de Lugo

2018061112270957607

Fotografía El Progreso “Dos inmigrantes, en la Rúa da Raíña de Lugo. AEP”

Aínda que habería moitos mais apectos que debatir neste artigo, por último, gostaríanos resaltar á fotografía escollida para acompañar a nova, xa que non entendemos a asociación entre o expresado na noticia e a imaxe seleccionada, onde se observa a dúas persoas presuntamente inmigrantes dedicadas á venda ambulante, cando nos datos facilitados non existe neste artigo ningunha vinculación entre as deportacións e a actividade da venda ambulante.

Por un periodismo responsable

Sendo conscientes de que a liberdade de expresión permite elixir a un medio a súa liña editorial, non podemos esquecer a responsabilidade destes a hora de transmitir a información, non fomentando estereotipos e prexuízos como os detectados neste artigo. Por todo iso, a través deste mesmo escrito, solicitase a dirección de El Progreso, teña en conta en futuras ocasión estes aspectos, para a procura dun xornalismo ético e veraz.

 

Anímate a compartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInPin on Pinterest
[top]
About the Author


Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *