Proxecto de investigación: as barreiras lingüísticas e o dereito de acceso á xustiza e ós servizos sociais por parte de persoas migrantes da cidade da Coruña.

Proxecto de investigación: as barreiras lingüísticas e o dereito de acceso á xustiza e ós servizos sociais por parte de persoas migrantes da cidade da Coruña.

Proxecto de investigación: as barreiras lingüísticas e o dereito de acceso á xustiza e ós servizos sociais por parte de persoas migrantes da cidade da Coruña.

As persoas migrantes que chegan á cidade da Coruña presentan características heteroxéneas en canto ás súas linguas e culturas, o que, en ocasións, acaba derivando na aparición de barreiras lingüísticas e culturais. Estas barreiras lingüísticas e culturais non só afectan ás persoas migrantes, mais é evidente que estas resultan ser as máis prexudicadas e acaban reforzando nunha situación de vulnerabilidade no desenvolvemento das súas actividades cotiás ó ter que enfrontarse ó descoñecemento do idioma e ó choque cultural (Arcos Álvarez, 2017). Ademais, estas barreiras tamén acaban prexudicando o seu trato coa administración e o exercicio dos seus dereitos e deberes á hora de acceder ós servizo públicos (Foulquié Rubio, 2002). Deste xeito, o feito de non poder comunicarse de maneira efectiva vulnera, en especial, ó acceso a xustiza, que dende o século XX se considera como un dereito humano, un dereito fundamental e básico para a vixencia doutros dereitos (Begala, 2012); así como, o dereito das persoas migrantes a acceder ós servizos sociais, que debe estar garantido con independencia de que non falen as linguas oficiais (Arcos Álvarez, 2017).

Actualmente, o Estado español só garante a accesibilidade lingüística (é dicir, unha comunicación efectiva entre persoas que falan distintas linguas) das persoas migrantes nos procesos penais, Lei Orgánica 5/2015, do 27 de abril, na que se recollen as directivas europeas relativas ó dereito á información, e á interpretación e tradución en procesos penais[1]. Porén, as barreiras lingüísticas e culturais non pertencen exclusivamente ó ámbito xudicial e/ou policial, malia isto, en ningún outro caso o Estado garante a presenza de persoas que contribúan a eliminar estas barreiras. Polo tanto, estas barreiras lingüísticas e culturais acaban por se converter, en ocasións, en verdadeiras vulneracións dos dereitos das persoas migrantes ou estranxeiras. De feito, é fundamental que, na prestación de servizos, se cubran as necesidades comunicativas das persoas usuarias como establecen as directivas da UE en materia de accesibilidade (Jiménez-Andrés, 2021). Polo que, cando non se satisfagan as necesidades comunicativas das persoas migrantes e as barreiras lingüísticas e culturais provocan un detrimento nos servizos que estas reciben, somos testemuñas da vulneración dos dereitos das persoas migrantes. En palabras de Begala (2012), “se o recoñecemento do dereito a migrar como dereito humano fora auténtico e non mera retórica, o seu exercicio nunca podería ser a orixe de limitacións a outros dereitos fundamentais”.

Por outra banda, existen diversidade de mecanismos para salientar estas barreiras lingüísticas e culturais e lograr unha comunicación efectiva e entre iguais. Por exemplo, a utilización de tradutores automáticos en liña, como Google Translate, ou a contratación de servizos de interpretación telefónica como os ofertados pola empresa Dualia S.L. Porén, unha das solucións más habituais é recorrer á unha terceira persoa (xa sexa de xeito remunerado, ou non) para que actúe como ponte lingüístico entre ambas as partes. Esta figura (ben sexa unha persoa intérprete, tradutora, nativa ou con coñecementos dos idiomas implicados) debe ter en conta que mediar non significa só traducir as palabras, senón que tamén implica trasladar todos os aspectos da comunicación non verbal que son chave a nivel cultural (Arcos Álvarez, 2017). Ademais, cada tipo de mediación lingüística presenta características ben diferenciadas, polo que non é o mesmo mediar (ou traducir ou interpretar) no ámbito xudicial e no ámbito dos servizos públicos. Debido a isto, as persoas que actúan como intérpretes ou tradutoras nestes ámbitos, deberán recibir unha formación continua e especializada. Porén, a precariedade laboral e a falta de profesionalización existentes neste ámbito acaban provocando a baixa calidade dos servizos de tradución e interpretación, en prexuízo, como é habitual, dos e das máis vulnerables.

Neste contexto, consideramos necesario levar a cabo unha investigación sobre a situación actual das barreiras lingüísticas e o acceso á xustiza e ós servizos sociais que padecen as persoas migrantes na cidade de A Coruña. Para iso, acudiremos as persoas profesionais de tres ámbitos: avogacía de estranxeiría, terceiro sector e servizos lingüísticos. Levaremos a cabo tres enquisas, co gallo de recoller información sobre a situación dende estes tres puntos de vista profesionais. A maiores, realizaremos entrevistas tamén con persoas profesionais que traballen nestes ámbitos para poder, deste xeito, continuar profundando no obxecto da nosa investigación. Desta forma, obteremos unha visión panorámica da situación actual na cidade da Coruña en canto ás barreiras lingüísticas que xorden nestes tres ámbitos. Esta imaxe que construiremos a raíz dos relatos profesionais das persoas participantes na nosa investigación permitiranos identificar as deficiencias que se producen nos distintos servizos dirixidos ás persoas migrantes desta cidade, así como reflexionar sobre as posibles recomendación para mellorar a situación e evitar que se siga perpetuando a vulneración dos dereitos lingüísticos, de acceso a xustiza e ao servizo sociais das persoas migrantes na cidade da Coruña.

 

Bibliografía

 

Arcos Álvarez, L. (2017). Adaptación a la nueva realidad sociocultural en España: propuestas para la mejora de la asistencia en traducción e interpretación jurídica en los servicios públicos. FITISPos International Journal, 4, 162-173.

Begala, S. (2012). El reconocimiento diferenciado de derechos: primer obstáculo al acceso a la justicia de las personas migrantes. Derecho y ciencias sociales, (6), 3-24.

Foulquié Rubio, A. I. (2002). La interpretación en la policía ¿Un derecho o un privilegio? C. Valero-Garcés, G. y Mancho B. (Ed.), Traducción e interpretación en los servicios públicos: Nuevas necesidades para nuevas realidades, 93-98.

Jimenez-Andres, M. (2020). La accesibilidad lingüística como servicio en la atención de usuarios en las entidades del tercer sector. mAGAzin. Revista de Germanística Intercultural, (28).

Ley Orgánica 5/2015. Boletín Oficial del Estado, Madrid, España, 27 de abril de 2015.

 

[1]  Existen mencións tamén á figura do tradutor/intérprete noutras leis do dereito español: Ley de Enjuiciamiento Civil de 2000, Ley de Enjuiciamiento Criminal de 1882 e Ley Orgánica del Poder Judicial de 1985.