DISCRIMINACIÓN INDIRECTA : Tarjeta Millennium Social

agosto 14, 2018
0 Comment

Desde “SOS RACISMO GALICIA” queremos facer fincapé na importancia de modificar as normas para a alcanzar a igualdade de trato real, e non caer no racismo institucional e a discriminación indirecta, deixando excluídas a veciños e veciñas da cidade no acceso a igualdade de dereitos, por cuestións alleas a súa persoa.

Este é un dos casos que nos atopamos ca TARXETA MILLENNIUM SOCIAL para persoas desempregadas, en concreto, en referencia á documentación que dá acceso a dita bonificación, o que ven a supor unha situación de flagrante DISCRIMINACIÓN INDIRECTA para o colectivo de persoas que se atopan en situación administrativa irregular ou en empregos precarizados por insuficiencia de horas.

Por dito motivo, o día 28 de maio entregamos por Rexistro unha solicitude a Concellería de Mobilidade do Concello da Coruña informando desta situación e propoñendo alternativas para a súa solución.

Cando falamos de DISCRIMINACIÓN INDIRECTA, acollémonos a

  • Artigo 23 da Lei Orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.

“Para os efectos desta Lei, representa discriminación todo acto que, directa ou indirectamente, leve unha distinción, exclusión, restrición ou preferencia contra un estranxeiro baseada na raza, a cor, a ascendencia ou a orixe nacional ou étnica, as conviccións e prácticas relixiosas, e que teña como fin ou efecto destruír ou limitar o recoñecemento ou o exercicio, en condicións de igualdade, dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais no campo político, económico, social ou cultural.

En calquera caso, constitúen actos de discriminación:

  1. Os efectuados pola autoridade ou funcionario público ou persoal encargado dun servizo público, que no exercicio das súas funcións, por acción ou omisión, realice calquera acto discriminatorio prohibido pola lei contra un estranxeiro só pola súa condición de tal ou por pertencer a unha determinada raza, relixión, etnia ou nacionalidade.
  2. Todos os que impoñan condicións máis gravosas que aos españois, ou que impliquen resistencia a facilitar a uns estranxeiro bens ou servizos ofrecidos ao público, só pola súa condición de tal ou por pertencer a unha determinada raza, relixión, etnia ou nacionalidade.

Se ben esta asociación trasladou en anteriores ocasións mediante conversas  a través da Concellaría de Xustiza Social e Coidados, a necesidade de modificación de dita normativa, recibindo por resposta que non era posible nese momento tal modificación, facémolo de novo a propósito da posíbel modificación do prezo do billete no transporte público urbano da Coruña que ten anunciado o Concello da Coruña en Prensa [1].

Rememorando as condicións para acceder á Tarxeta Millennium Social para persoas desempregadas, son indispensábeis tres requisitos: (1) ser maior de 16 e menor de 65 anos, (2) estar empadroado no Concello da Coruña e (3) atoparse en situación de desemprego. Para a acreditación de ditas circunstancias, solicítase presentación do documento identificativo e un informe do Servizo Público de Emprego (antigo INEM).

En relación ao último documento requirido, debemos salientar que as persoas en situación administrativa irregular, pese a atoparse en situación de desemprego, non teñen acceso á inscrición no Servizo Público de Emprego por carecer de permiso de residencia, o que ten como consecuencia directa, entre outras inxustizas, a imposibilidade de acceder á Tarxeta Millennium Social para desempregadas, a pesar de dar cumprimento aos requisitos de feito.

Esta situación de non acceso ao SEPE ven regulada pola Orden do Ministerio de Trabajo y Seguridad Social de 22 de novembro de 2006  (BOE de 6 de decembro), que ven estabelecer que so poderán inscribirse nas oficinas de emprego os estranxeiros non comunitarios que “en aplicación da vixente normativa sobre permanencia e traballo dos estranxeiros en España, teñan recoñecido o dereito de acceso ao mercado de traballo”, dereito do que carecen as persoas en situación irregular. Asimesmo, enumera tamén no seu artigo 2 os “documentos acreditativos que dan dereito de acceso ao mercado de traballo” esixindo sempre a “autorización de residencia”, ademais de estar “en posesión dunha autorización administrativa para traballar ou ben, non estando en posesión dela, e atopándose legalmente en España, estar en condicións de acceder a ela”.

Desta forma, as persoas estranxeiras que carezan da autorización de residencia non poden acceder á documentación solicitada na normativa vixente sobre a obtención da TARXETA MILLENNIUM SOCIAL para desempregadas, o que trae como consecuencia unha situación de DISCRIMINACIÓN INDIRECTA, ao se tratar dunha normativa que castiga especialmente ao colectivo de persoas en situación administrativa irregular.

Desta forma, colectivos en exclusión ou en risgo, que son os que máis precisan a bonificación económica no transporte para a procura de emprego, négaselle o acceso a ela por unha cuestión de forma, afastada da realidade dos feitos.

Alén disto, non podemos deixar de solicitar tamén a inclusión no acceso a dita bonificación no transporte público daquelas persoas (independentemente da súa situación administrativa) que non atopándose en situación de desemprego se atopan empregadas de xeito precario, traballando unhas poucas horas á semana baixo unha remuneración escasa que non cubre as necesidades primarias, sendo moitas veces estos ingresos, moito menores que os de unha persoa que esta a cobrar a prestación por desemprego. Deste xeito, entendemos que é razonable e esixible a equiparación de estas persoas á situación  prevista para as “persoas desempregadas”.

Dende SOS Racismo Galicia entendemos que esta cuestión sería fácilmente solucionábel permitindo acreditar a situación de desemprego mediante outra documentación.

A situación de desemprego ou emprego precario entendemos que pode ser acreditada con calquera dos seguintes documentos:

  • Acreditación de estar percibindo a Renda Social Municipal ou Risga. Prestacións que apenas se perciben por persoas desempregadas ou en situación de emprego precarizado por insuficiencia de horas. Se o propio Concello da Coruña ou Xunta de Galicia ten outorgado ditas rendas á persoa interesada, a súa situación de desemprego entendese xa comprobada por estes organismos, non sendo necesario o requerimento da tarxeta de demandante de emprego.
  • Informe da/o traballador/a social que declare que a persoa interesada atopase en situación de desemprego ou empregada de xeito precario.
  • Certificado acreditativo de estar a participar nun Intinerario de Inserción Sociolaboral por calquera das entidades prestadoras de servizos colaboradoras da administración.
  • Calquera outra documentación oficial que igualmente declare a situación de desemprego ou emprego precario da persoa interesada recollida no ordenamento xurídico.
  • Declaración responsable. (Artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.)

Así, entendemos necesaria unha ampliación e modificación da normativa de acceso a esta modalidade de TARXETA MILLENNIUM SOCIAL nestes termos, atopándonos nun momento perfecto para engadir a nosa solicitude á normativa, en aproveitamento da posíbel modificación da mesma en relación ao prezo dos billetes, tal como tivemos noticia a través dos medios de comunicación. Solicitamos, por tanto, se poña fin a esta situación de discriminación indirecta do xeito máis rápido posíbel, para dar solución a este escenario discriminatorio fronte ao colectivo de persoas en situación administrativa irregular ou en situación de emprego precario.

 

 

[1] https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/gobierno-municipal-quiere-aplicar-rebaja-tarifas-autobus-urbano/20180522232900373821.html

 

Anímate a compartirShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedInPin on Pinterest
[top]
About the Author


Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *