COMUNICADO. PREJUICIOS E INFORMACIÓN NO CONTRASTADA; LA ISLAMOFOBIA EN LOS MEDIOS

COMUNICADO. PREJUICIOS E INFORMACIÓN NO CONTRASTADA; LA ISLAMOFOBIA EN LOS MEDIOS

PREXUÍZOS E INFORMACIÓN NON CONTRASTADA; A ISLAMOFOBIA NOS MEDIOS

Durante as últimas semanas, temos asistido á aparición de diversas noticias e artigos de opinión sobre a decisión do CEIP Número 1 de Foz de suprimir a posibilidade de que o alumnado puidese optar por un prato alternativo, cando no menú figurase un prato principal a base de carne porcina. Desde SOS RACISMO Galicia consideramos que o tratamento que, en xeral, ten dado a prensa a este caso, pon de manifesto como os propios medios poden contribuír a xerar na sociedade a percepción de atopármonos ante supostos “conflitos culturais” ou “relixiosos” en situacións que, en realidade, poden ser doutro tipo.

Segundo a dirección deste CEIP de Foz, a posibilidade de optar polo chamado prato alternativo no comedor escolar só era ofrecida ás fillas e fillos das familias de crenzas musulmanas. As nais e pais dalgúns nenos e nenas trasladaron ao centro educativo o interese destes en poder escoller tamén entre as dúas opcións, dado que en ocasións o prato alternativo lles agradaba máis que o principal (cómpre mencionar aquí que a alternativa ofrecida non consitía só en substituír a carne porcina por outra carne, senón que variaba enteiramente o tipo de prato)

Ante estes feitos, o CEIP  e a Consellería de Educación non optaron por estender a todo alumnado a posibilidade de escolla, senón que decidiron eliminala por completo do menú.

Desde SOS RACISMO Galicia xulgamos un erro de enfoque que a posibilidade de optar entre varios pratos non estivese, desde un principio, aberta a todo o alumnado, co risco de que o que a priori sería concebido como unha medida de atención á diversidade na escola, puidese acabar converténdose nun aspecto segregador. Así mesmo, consideramos que a solución non pasa pola supresión de alternativas, senón pola súa ampliación para o conxunto do alumnado.

Mais a transmisión dos feitos por certos medios de comunicación non se corresponde, en absoluto, co sucedido, o que nos leva a preguntarnos se as persoas responsables dos mesmos terán cumprido co deber xornalístico de contrastar as súas fontes e se terán falado directamente cos diversos axentes implicados, nomeadamente ao asegurar que as familias de crenzas musulmanas protestan polo feito de que no comedor escolar se sirva carne de porco ou que solicitan que se dispoñibilicen menús “halal”:

  • Menús halal en los centros públicos (título dun artigo de opinión de Fernando Ramos, publicado en Atlántico Diario o 10/12/2016).
  • Ellos querían que a sus niños (y a los niños de los otros) les pusieran solo comida halal y nada de cerdo. Claro, es lógico, yo lo entiendo, si yo tuviera un niño en el cole, que no es el caso, también querría que le pusieran solo langosta, solomillo y caviar, que pa eso mi niño es muy fino, ¡qué demonios! (artigo de opinión de Víctor González, publicado en La Región o 11/12/2016).

Nun escrito público dirixido á dirección do centro, as familias de orixe marroquí, lonxe de pedir que a carne porcina sexa retirada do menú escolar, manifestan que “no queremos que exista discriminación alguna en el comedor, ni a favor ni en contra de ningún colectivo, solamente que a aquellos niños que por motivos mayores no puedan comer un tipo de comida, se les facilite repetir en el otro plato, u otra alternativa que usted vea”. Trátase dunha diferenza substancial, porque a aseveración falsa é utilizada por diversos xornais e autores para difundir a mensaxe de que estas familias queren impoñer a súa cultura e costumes ao conxunto da comunidade educativa. O ton do escrito destas familias “agradecemos el esfuerzo que la sociedad está reanudando ante la igualdad de todas las personas, sea cual sea su raza, religión y nacionalidad, por lo que nos brindamos a seguir trabajando juntos” contrasta co tratamento falseador, xenófobo e agresivo que reflicten algúns medios, por exemplo en titulares como:

  • Un colegio de Foz seguirá sirviendo cerdo pese a las quejas de madres marroquíes (Noticia de La Voz de Galicia, publicada o 03/12/2016).

  • Un colegio de Foz se planta y seguirá sirviendo cerdo pese a las quejas de madres marroquíes (Noticia de Intereconomía, publicada o 05/12/2016).

  • Un colegio de Foz se planta: si los musulmanes no quieren cerdo, que no se queden al comedor (Noticia de Mediterráneo Digital, publicada o 04/12/2016).

  • El primer problema musulmán en nuestra civilizada Europa, y es un problema enorme aunque muchos quieran negarlo u ocultarlo por diversas razones, casi siempre políticas o de «buenismo» ideológico, es que ni siquiera los musulmanes, llamémoslos moderados por llamarlos algo, encajan aquí salvo que cambien de religión o se hagan ateos. (artigo de opinión de Víctor González, publicado en La Región o 11/12/2016).

  • (…) en un colegio del Sur de Pontevedra, donde hay una larga lista de espera de niños españoles, sin beca de comedor, entre otras cosas, porque gracias a los baremos suelen salir por delante familias de otras nacionalidades, principalmente marroquíes y rumanos (…) (artigo de opinión de Fernando Ramos, publicado en Atlántico Diario o 10/12/2016).

SOS RACISMO Galicia demanda, unha vez máis, responsabilidade aos medios de comunicación á hora de informar con veracidade e de fomentar valores sociais positivos, en consonancia co que establece o propio Código Deontolóxico do Xornalismo Galego. Neste sentido, parécenos preocupante que a prensa teña acollido a difusión dalgunhas opinións que, a raíz deste caso, teñen aproveitado para alimentar prexuízos e ideas xenófobas.